Os recursos educativos en Galego para a Educación Social

O venres pasado volvín á facultade cunha compañeira, con Bárbara, dez anos despois! Foi emotivo volver e como dicía ela, “todo aparentemente seguía igual”, imaxinádevos botar a ollada atrás e ver como mudaron as nosas vidas, as cousas que fixemos, os lugares onde vivimos e entrar de novo a facultade e apreciar que está tal cal deixamos en xuño de 2004.
Volviamos a facultade por unha proposta que nos fixo Sofía Riveiro para participar nas xornadas sobre Os recursos educativos en Galego para a Educación social organizada pola Comisión de normalización lingüística da Facultade de Ciencias da Educación, polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e o Colexio de Educadoras/es sociais de Galicia

Bárbara e máis eu falamos sobre a nosa (xunto con Pablo Fonte e Víctor Gonzalez) experiencia en opendello, e concretamente a proposta de amonte, e dúas experiencias máis derivadas daquel proceso inspirador para nós, dúas propostas independentes entre si, como son Memoria de Sada e mimadriña; que podían aportar? que aportan estes proxectos e por qué consideramos que son recursos para a educación social.

Bárbara falou de opendello, por que xurdiu, que queríamos facer e que foi e que tentaba aportar, noutras ocasión xa vos falei de opendello, e o que queríamos deixar claro nestas xornadas , e que para nós o importante foi o proceso e non o obxectivo a acadar, agora visto ca perspectiva do tempo, xa que fai ano e medio que finalizou ese proceso, seguimos convencidas e convencidos que moitos dos formulacións que alí fixemos e moitas das accións teñen un valor para o noso desenvolvemento profesional nestes intres, para nós foi un proceso inspirador onde xogar a crear pequenas ideas de acción, como amonte que pretendía ser unha web e ferramenta para o traballo en miniproxectos de alfabetización dixital, por que considerábamos que é un recurso para a educación social, a propia web, polas fotos e polas historias que se agochan, pero sobre todo é un recurso que abarcaba as foto-saídas como proceso de traballo para a aprendizaxe do uso da cámara e posteriormente da aportación de contido na rede como fixo Bárbara na foto saída co colectivo de pais e nais e rapazada da asociación asfadic de Cerceda, pero amonte tamén é un recurso para a posta en valor do monte, das árbores e do patrimonio non so natural, senón do patrimonio inmaterial que agochan na nosa historia vital

As imaxes pertencen o proceso e a exposición de Memoria de Sada cedidas por Víctor Gonzalez

Que é memoria de Sada? memoriadesada.com é un proxecto colaborativo levado a cabo sen recursos económicos por un grupo de persoas, demostrando así que con esforzo, constancia, ganas e soñando un pouco pódese facer e difundir cultura por un grupo de cidadáns organizados. Superando ademais retos de aprender a utilizar unha ferramenta por un grupo de persoas de idade avanzada que supuxo un cambio importante na súa vida. Memoria de Sada é un arquivo fotográfico da historia de Sada. Naceu a comezos de 2012 na aula CeMIT de Sada. Detrás da páxina están Maruja Babío, Pura Pardo, Jesús Francos, Lina Andrade, Maribel Brandariz e Maise Vázquez que son os que escribiron os textos e recompilaron as fotografías, todos cunha idade comprendida entre 60 e 80 anos. E o amigo Víctor, que xa o coñecedes,Víctor González, axente TIC, responsable da aula e formador en novas tecnoloxías, que coordinou o proxecto e se encargou do apartado técnico e axudar coas fotos e textos. Memoria de Sada é un recurso en si mesmo, polo contido, pero como xa mencionei antes, o máis valioso do proxecto é o proceso, non o fin da web en si mesmo senón todo o que aconteceu arredor da web e na vida dos participantes durante estes case dous anos.

Posteriormente e xa para finalizar presentei mimadriña, pero disto xa nada vou contar, por que sabedes ben que é 😉 o único que comentarei aquí e que ao igual que os outros proxectos presentados, o valor de mimadriña está no proceso na narración do que vai sucedendo.

Xa para rematar non quería deixar pasar esta oportunidade para facer chegar a miña reflexión persoal sobre o que eu entendo como recursos na educación social en Galicia e compartila cas futuras educadoras que acudiron a esta xornada

Defendo unha definición aberta, é dicir, para min é recurso todo o que se fai en Galicia e en galego nos diferentes ámbitos, sexa o ámbito artístico e cultural, tecnolóxico ou científico, por iso defendo que as educadoras/es debemos ser coñecedores destas propostas e ser axentes dinamizadores capaces de artellar propostas educativas que traballen para a difusión do que se está a facer e do que se fixo no noso territorio, creando así propostas educativas innovadoras con colaboradoras/es de outros ámbitos, creando así contidos educativos para a educación social en sectores que nunca se plantexaron tal cousa, favorecendo así non so a difusión do traballo dos diferentes ámbitos, senón tamén favorecendo o coñecemento da nosa profesión.

Se nos centramos por exemplo na actualidade atoparémonos cun forte movemento no eido artístico e cultural que esta vivindo novos plantexamento e formas de facer, disto poderíase falar moito, máis nesta ocasión quero poñer o foco no valor educativo e social dalgunhas propostas actuais en diferentes ámbitos, moi interesantes como recurso para crear sinerxías e proxectos de acción social. Observo procesos interesantes nos traballos de alga lab, o liceo mutante, a proposta da casa tomada, o proxecto cárcere, niquelarte,  cartografías sensibles,   as propostas de chévere e a sala nasa, o proxecto a memoria das mulleres, o traballo que fai Crearte arredor da arte e os pícaros, un exemplo e o blog de Rosalía do que xa vos falei noutra ocasión, as actividades didácticas dentro do espazo Normal, a proposta cidadá do Formigueiro de Ribadeo, a aposta de moitas editoriais galegas no sector infantil, o traballo e a forma de facer do colectivo Nocomún ou o de Nova Xestión Cultural, mil e unha, faltan moitos, claro que si.

No ámbito ambiental gústanme propostas como as de Montenoso, ou o proxecto de torre dos Mouros, ou a proposta de autoemprego de Fernán en Rutas Vivas. No ámbito educativo tamén temos numerosísimas experiencias, máis so vou mencionar desta vez que gusto do saber facer da Universidade Cromática de Corcubión. No ámbito científico contamos con grandes persoeiros e investigacións como poden ser por exemplo o traballo de Xurxo Mariño en neuroloxía ou o programa Efervescencia da radio galega. E neste ámbito como educadora social tamén me gustaría facer un certo chamamento a que os educadoras e educadores sociais deixemos de apoiarnos moitas veces en contidos derivados da “pseudociencia” e apostemos pola ciencia, ó fío disto tedes este artigo de Sera Sanchez.

E xa para finalizar nesta miña reflexión, falar do ámbito tecnolóxico en Galicia e poñer atención no sector do Software libre en Galicia que conta con numerosas asociacións de usuarios e empresas etc que poden aportar dende a miña opinión moitas reflexión para a educación social, por poñer un exemplo, temos a Luz castro, que pode aportar unha visón moi ampla dos contidos educativos, da muller no eido das tics. En fin podería facer deste o conto máis longo de mimadriña, podería falar de algo que me ten louca en canto a posibilidades educación social como é o hardware libre ou a realidade aumentada, podería falar da importancia da presencia de blogs para a reflexión da nosa profesión , da importancia da narrativa dixital nos nosos proxectos de acción social, máis os poucos, irei dando conta no blog, hai tempo!

Xa para rematar precisaría doutros 8 párrafos para falar dos compañeiros e compañeiras de mesa desta xornada, como as reflexións aportadas por Xosé Manuel Cid, Duarte Crestar ou Xesús Rodriguez e Sofia Riveiro en canto os procesos de normalización lingüística dentro da universidade e da educación social, ou as boísimas experiencias no seu traballo de Galego para extranxeiros/as Raúl Pinheiro, os xogos do mundo de María J. Caride de Solidariedade Internacional, e as fermosísimas propostas de Brais Fernandes de Xandobela, seguídelle a pista, por que teñen moito que dicir e facer na nosa profesión.

About Palmira

mimadriña.com

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: